Proxecto empresarial de interese municipal
As bases reguladoras dos “Proxectos empresariais de interese municipal” (PEIM) recollen as características, singularidade, requisitos e procedemento de cualificación desta figura, que vai na liña das “Iniciativas locais de emprego”, pero están exclusivamente xeradas e apoiadas economicamente no ámbito municipal, polo Concello de Vigo, mediante a aplicación de bonificacións fiscais recollidas anualmente nas ordenanzas.

Persoas beneficiarias
Proxectos empresariais co seu domicilio fiscal e social no ámbito territorial do Concello de Vigo. Han ter por obxecto fomentar a posta en marcha de actividades consideradas innovadoras, emerxentes ou novos filóns de emprego, ou ben o autoemprego de colectivos específicos que se constitúan como empresarios, como un dos medios máis axeitados para a súa integración laboral.
Axudas e subvencións
As empresas que sexan cualificadas como “proxectos PEIM” poden beneficiarse da liña de axudas e subvencións que estableza o Concello de Vigo no marco dos seus Plans Municipais de Emprego, para a promoción e estímulo deste tipo de iniciativas, entre as que destacan: bonificacións fiscais e tributos locais, axudas á creación de empresas e axudas á contratación temporal.
Tramitación
Poderán solicita a cualificación como “proxecto PEIM” os promotores de proxectos empresariais susceptibles de seren cualificados como tales, segundo o estipulado nas bases, e deberán dirixirse á Área de Emprego, Economía, Industria, Voluntariado e Relacións con Sindicatos do Concello de Vigo. A persoa técnica adscrita ao servizo avaliará o proxecto empresarial e a súa viabilidade cara á súa cualificación como “proxecto PEIM” e emitirá un informe razoado e documentado sobre a posibilidade de ser cualificado como proxecto PEIM. Deberá razoar os criterios tidos en conta e o cumprimento dos requisitos esixidos que será conformado polo xefe de servizo e polo concelleiro. Unha vez completado o expediente remitirase á Xunta de Goberno Local, que é o órgano competente para resolver sobre a cualificación de “proxecto PEIM”.
Solicitude
As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Vigo ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999 e dirixiranse á Área de Emprego, Economía, Industria, Voluntariado e Relacións con Sindicatos. Máis información na Concellería de Emprego, Economía, Industria, Voluntariado e Relacións cos Sindicatos. Casa do Concello-4ª planta.
Mais información:
Concellería de Emprego, Economía, Industria, Voluntariado e Relacións cos Sindicatos
Casa do Concello
Praza do rei 4ª planta.